ROBERTO VIDAL BOLAÑO E AS MULLERES

Seguindo ca intención de achegar a cultura dende estas páxinas, deixámosvos hoxe unha parada imprescindible dentro deste percorrido polo tránsito vital de Roberto Vidal Bolaño que se está a facer por mor do Día das Letras Galegas.

Convidándovos desta volta  ó Teatro Principal de Santiago para asistir as funcións de Bailadelas, sobre textos de Roberto o sábado 18 e domingo 19 de maio, ás 21:00 horas

Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas, demostrando ata que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra. Unha personaxe central, inspirada noutro dos textos do dramaturgo (Sen ir máis lonxe, 1999) vai unindo e presentando cada un dos cadros nunha conversa cun personaxe mudo, falando do xusto e do inxusto, do ben e do mal, do de aquí e do de acolá.

 

As personaxes femininas deste espectáculo fálannos do poder liberador da revolución diante do servilismo e o sometemento, da xente sen esperanza, dos perdedores e dos marxinados, da afouteza e incredulidade dunha muller indo cara a Compostela, do amor e do desamor, da soidade non elixida, da crítica aceda e retranqueira da señora de misa diaria con veo incluído, ou daquela que elixe como acto final a liberdade que lle asiste a rematar coa súa vida.

De todo un pouco hai neste espectáculo para que o público poida gozar da poesía, da protesta, do non acomodarse, da reflexión, dos sentimentos encontrados, das contradicións, das miserias e das virtudes destas personaxes que Vidal Bolaño nos achega nestes seus textos.

bailadelas

Publicado en NOVAS, OCIO, Uncategorized | Etiquetado , | Deixar un comentario

Non estamos para desperdiciar a mitade do talento dispoñible…

Cianuro nas mazás, o blog de ciencia, publica unha reflexión sobre a presenza e relevancia das mulleres na ciencia. Tira de exemplos históricos e tamén de iniciativas recentes para solventar unha anomalía aínda non resolta.

Achegámosvos hoxe como lectura de domingo, o artigo completo, que como veredes, xorde da lectura do número de marzo da prestixiosa revista NATURE:

Screen-Shot-2013-04-30-at-2.06.54-PM

Hedwig Eva Maria Kiesler (de nome artístico Hedy Lamarr) foi unha enxeñeira de telecomunicacións, inventora e tamén actriz. Animada pola súa aversión ós nazis, foi co-autora dun sistema secreto de modulación en frecuencia con espectro expandido para que o control remoto dos mísiles non puidese ser intervido (Patente US 2,292,387). No ano 2010, Ruth Barthon publica unha biografía chamada “A muller mais bonita do mundo” que contén un capítulo titulado A pouco feminina ocupación de inventor. O título profunda no nocivo tópico de que beleza e cerebro non poden ir xuntos, e que este trátase dun caso excepcional. Incluso, se visitades a páxina da fundación que leva o seu nome (www.hedylamarr.org) veredes unha portada cun enorme ‘Be brilliant, be beautiful…’ que tampouco parece ningun achado marabilloso para a igualdade.

James Watson andaba tolo por botarlle un ollo ás fotografías de Raios X de Rosalind Franklin, que suxerían a estructura de doble hélice do ADN. Pero tamén criticaba o seu aspecto: “ Nunca houbo un lapis de labios para contrastar co seu pelo liso negro…”, dicía no seu libro A dobre hélice. Watson era un de tantos científicos que cría que era imposible ser muller á vez que bo científico. Pero incluso moito tempo despois, unha biógrafa que critica as actitudes de Watson (Brenda Maddox) publicou un libro sobre Rosalind Franklin que titulou A escura dama do DNA. Non se resisteu a tirar do tópico.

Jocelyn Bell foi quen descubreu os púlsares en 1967. Como estudiante de doctorado, cada mañá, quitaba o seu anel de prometida antes de entrar no laboratorio para “coidar a súa reputación coma científica”.

Todas estas historias apuntan cara unha mesma idea. O machismo está presente na ciencia e, aínda hoxendía, as mulleres atópanse con moitos atrancos no camiño cara a igualdade nesta profesión. Polo tanto, faise moi necesaria a autrocrítica. Pero xa vos anuncio que eso no mundo dos científicos tampouco é especialmente fácil. Qué esperabades!

Por eso me gustou tanto o monográfico que se adica á muller na ciencia na revista Nature deste pasado mes de marzo. O propio semanario, no seu editorial, fai autocrítica e comprométese a incrementar o número de mulleres que revisan artículos para seren publicados na propia revista. Actualmente a porcentaxe é de tan só un 19%.

Inclue un extenso análise das múltiples causas da desigualdade, e entre elas atópase a literatura de divulgación, que como amosan as anécdotas anteriores segue a crear un estereotipo da muller científica pouco feminino, fóra de convencionalismos, en contra do mundo. Tende xeralmente a resaltar aspectos pouco relacionados coa ciencia mesma. Introdúcese tamén un interesante debate acerca de se o sistema de cuotas é o mais axeitado, posto que tende a sobrecargar ás poucas mulleres que ocupan postos de alta responsabilidade na ciencia, con moreas de reunións e comisións as que teñen que asistir obrigadas pola devandita cuota. Aparecen tamén unha manchea de historias persoais de diversas científicas

Téñense feitos moitos avances no eido da igualdade na ciencia. E xa non vivimos aqueles tempos nos que, por exemplo, Rosalind Franklin rodeada da forte presenza masculina de Watson e Crick estivo a piques de desaparecer da historia da ciencia. Hoxendía a situación é distinta pero non ideal. Mentras que nas facultades o número de estudiantes de doutorado homes e mulleres tende a igualarse, os postos a niveles altos seguen a estar practicamente ocupados por homes na súa totalidade.

En calquera caso, sí parece claro que non estamos para desperdiciarmos a mitade do talento dispoñible para seguirmos avanzando. Necesítanse ademais outro tipo de miradas naqueles que teñen que dirixir algo na nosa sociedade para desatascar este mundo en crise en que vivimos. Estaremos dispostos a facelo?

Para saberes máis:

– [1] ‘Women in Science’, Nature. March 2013.

– [2] Ruth Barton. ‘Hedy Lammar: The most beatiful woman in film’, The University Press of Kentucky. 2010.

– [3] James D. Watson.’The Double Helix. The Discover of the DNA Structure’. Penguin Readers. 2001

– [4] Brenda Maddox. ‘Rosalind Franklin: The Dark Lady of DNA’. Harper Collins Publishers. 2002

 

Publicado en NOVAS, OCIO | Etiquetado | Deixar un comentario

Estadías de tempo libre para mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, convocatoria do ano 2013

 

Esta resolución ten por obxecto facilitarlles ás mulleres que teñan fillas e/ou fillos menores exclusivamente ao seu cargo un espazo e un tempo desligado da súa situación habitual e no cal poidan intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer.

Convócanse ata un máximo de 95 prazas para mulleres fillas/os menores e/ou menores en acollida, exclusivamente ao seu cargo, residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.

As estadías terán unha duración de entre sete e dez días, en réxime de pensión completa, e desenvolveranse preferentemenete entre finais do mes de xuño e principios do mes de setembro.

Os custes de aloxamento, en réxime de pensión completa, traslado de ida e volta dende o seu concello de residencia, equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán gratuítos para as persoas beneficiarias

Beneficiarias e Requisitos

As mulleres que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter fillas e/ou fillos exclusivamente ao seu cargo con idades comprendidas entre os 2 e 12 anos, ambos inclusive, na data de presentación da solicitude.

b) Non convivir en parella afectiva.

c) Estar domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia e no caso de mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia ou tarxeta de réxime comunitario, segundo o caso.

d) Dispoñer dunha renda mensual que, tendo en conta todos os ingresos do conxunto da unidade familiar, dividida polo número de membros que a compoñen, non supere o salario mínimo interprofesional (SMI), excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

e) Non padecer ela, nin as fillas e/ou fillos que a acompañen, unha enfermidade que requira illamento e/ou que impida a normal convivencia.

Para asistir ao programa, as mulleres beneficiarias irán acompañadas das súas fillas/fillos menores, sempre que estas/es teñan con idades comprendidas entre os dous e os doce anos, ambos inclusive.

Podes descargar a documentación premendo AQUI

Publicado en Uncategorized | Etiquetado | Deixar un comentario

CARNET MANIPULADORA DE ALIMENTOS

manipuladora

Publicado en EVENTOS, NOVAS, RECURSOS | Etiquetado | Deixar un comentario

CAMPAMENTOS PARA A CONCILIACIÓN: UNHA AXUDA MAIS PARA AS MULLERES

Dende o CIM, presentámosvos a oferta de campamentos de verán 2013 do Concello de Culleredo. As actividades que se programan ofrecen unha alternativa de lecer para os nenos e nenas nos meses de verán, á vez que proporcionan un servizo de conciliación demandado cada ano polas nosas familias.

As solicitudes de praza, xunto coa documentación que se esixe, presentaranse no Servizo municipal de Educación (edificio do Conservatorio Municipal de Música) desde o día 15 ata o 19 de abril, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Podes descargar a documentación premendo AQUI

Os campamentos diríxense a todas aquelas familias empadroadas en Culleredo con menores matriculados en Educación Infantil e Primaria que necesiten conciliar a súa vida familiar e laboral. Terán preferencia para o acceso as fa milias empadroadas en Culleredo e aquelas que acrediten a necesidade de conciliación.

Para tentar adaptarse ás necesidades do maior conxunto poboacional, ofértanse as seguintes modalidades de campamentos:

  • Campamento de 5 semanas (do 25 de xuño ao 26 de xullo)
  • Campamento de 5 semanas (do 29 de xullo ao 30 de agosto)
  • Campamentos de 2 semanas:
    • Do 1 ao 12 de xullo
    • Do 15 ao 26 de xullo.

Os lugares onde terán lugar os campamentos serán os seguintes:

  • Para os participantes matriculados no curso actual na etapa de Educación Infantil:
    • CEIP Ría Do Burgo
    • CEIP Isaac Díaz Pardo
  • Para os participantes matriculados no curso actual na etapa de Educación Primaria:
    • CEIP Sofía Casanova

O horario das actividades comprenderá desde as 9:00 ata as 14:00 horas e disporá como servizo complementario e opcional o xantar, en horario de 14:00 a 15:30 horas.

Para favorecer na medida do posible a conciliación familiar e laboral, os campamentos iniciaranse o primeiro día non lectivo de vacacións estivais e prolongaranse ata o último venres de agosto.

Os programas que se realizarán conterán actividades pedagóxicas de carácter convivencial e formativo-educativo, nun marco no que predominan os valores de igualdade, corresponsabilidade, respecto pola contorna ou cooperación, e que favorezan o desenvolvemento persoal a través de talleres, saídas didácticas, xogos etc.

 concilia

Publicado en Uncategorized | Deixar un comentario

PERMISO LABORAL POR LACTACIÓN

A Audiencia Nacional ven de recoñecer a unha parella de funcionarios do Estado , el policía e ela xuíz en exercicio, o dereito a compartir o permiso laboral por lactación, posibilidade da que xa goza o resto dos traballadores. Nunha sentenza coñecida hoxe, o Xulgado Central do Contencioso Administrativo número 11 estimou o recurso que presentou o home, ao que lle foi denegado o permiso de lactación. A nai solicitara un permiso de cinco semanas e renunciou ás outras tres que lle correspondían a favor do seu marido. Con todo, o Ministerio do Interior interpretou que o Estatuto do Empregado Público impedía que ese permiso se poida compartir cando ambos os proxenitores traballen e denegou o permiso ao pai.

O home invocou no seu recurso a chamada Lei de Igualdade do ano 2007 e reclamou unha interpretación do Estatuto “de acordo coa realidade social”. O xuíz, nunha sentenza da que, segundo fontes xurídicas, non se coñecen precedentes, deu a razón ao home e rexeitou o criterio restritivo da Administración ao interpretar a norma. Segundo o maxistrado, o dereito ao permiso de lactación “non é exclusivo da nai, de maneira que sexa esta a única titular e que, como tal, pode cedelo, senón que o dereito corresponde como titulares indistintos a ambos os proxenitores”

O xulgado considera que tanto o Estatuto do Empregado Público como a Lei de Igualdade teñen como obxectivo facilitar claramente a conciliación da vida familiar, e que non existe impedimento para que ambos os proxenitores poidan compartir o permiso de lactación, sempre que leve a cabo de forma sucesiva e non simultánea.

permiso

Publicado en NOVAS, RECURSOS | Etiquetado | Deixar un comentario

Axudas económicas a vítimas de violencia de xénero para o ano 2013

No Diario Oficial de Galicia  que podes descargar AQUI, publícase a convocatoria de axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero para o ano 2013.

A contía das axudas, que poden percibirse por un período máximo de doce mensualidades, pode oscilar entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro de 2013.

Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.

Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido a súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.

Achegámosvos os anexos necesarios para a solicitude así como unha guía informativa para facilitar a súa tramitación. E podes acudir ó Centro de Información á Muller de Culleredo onde podemos axudarte.

CARTEIS GALEGO.fh11

Publicado en NOVAS, RECURSOS | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

GUIA DE RECURSOS, APOIO E ASISTENCIA Á MATERNIDADE

Hoxe presentouse en  a Guía de recursos, apoio e asistencia á maternidade. Contén información básica sobre os recursos, programas e axudas aos cales poderán acceder as mulleres embarazadas desde a acreditación do seu embarazo

A información recollida na guía aborda catro categorías: permisos; excedencias; prestacións, axudas e beneficios fiscais; e servizos e recursos; todos eles con información sobre as medidas de apoio ás xestantes tanto a nivel estatal como autonómico e local.

A guía está dispoñible en formato on line premendo AQUI

 

Publicado en EVENTOS, NOVAS, RECURSOS | Etiquetado , | Deixar un comentario

DIA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL

Dende o CIM de culleredo queremos festexar o Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil facendo protagonistas ás nenas, a partir dun percorrido polo tratamento do sexismo nas letras para a infancia e a adolescencia, reparando na visión creadora das autoras e fornencendo unha proposta de obras coeducativas. Porque as nenas seguen reclamando uns libros que as fagan máis libres

Podes descargar a Bibliografía comentada de 20 libros coeducativos escritos en galego e publicados desde 2005, elaborada por Montserrat Pena Presas, CONSELLO DA CULTURA GALEGA, premendo AQUI

E non te perdas iste outro: “Nas miñas lecturas infantís había tan poucas protagonistas nas que mirarme que chegara a conclusión de que o mellor era ser un neno”, asegura a escritora María Reimóndez. Neste artigo, a autora reflexiona sobre os roles dos protagonistas masculinos e femininos na literatura infantil e xuvenil e o desafío de escribir para “recuperar un espazo que nunca tivemos”.

A recopilación : Galician Books for Children & Young Adults 2013 / Libros infantís e xuvenís de Galicia 2013 podes descargala premendo AQUI

E dende a Concellaría de Igualdade, aproveitamos para agasallar aínda que sexa virtualmente os nosos nenos e nenas, rapaces e rapazas,  que pensan que o mundo será mellor cando as desigualdades por razón de sexo se sustitúan por un equilibrio nas tarefas compartidas, por unha igualdade nas oportunidades e pola posibilidade de que todos e todas sexan queridos e escoitados

dia libro infantil e xuvenil

Publicado en DIA MUNDIAL, EVENTOS, NOVAS, OCIO, POESIA, RECURSOS | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

PLAYROOMGIRL III edición Galicia

Dende o Centro de Información da Muller de Culleredo e durante os meses de novembro e decembro de 2012, leváronse a cabo, coa colaboración da Asociación Neuronit, os talleres Playroomgirl III Edición Galicia no IES Eduardo Blanco Amor.

Agora, o seu resultado, en forma dunha serie fotográfica onde se homenaxea e se reinterpreta a autoras como Diane Arbus, Claude Cahun ou Florence Henri  se expón a partir do 22 de marzo e ata o 12 de abril, na Aula de Natureza “Juan Lembeye” do Xardín Botánico “Ría do Burgo”.

Os proxectos Playroomgirl consisten na creación de espazos artísticos multimedia onde as mozas aprenden as normas básicas das linguaxes visuais e audiovisuais, crean arte, entenden a relación entre ciencia e arte e constrúen os seus propios medios de comunicación para difundir o que aprenderon e o  que crearon. É un proxecto dirixido a loitar contra a fenda dixital e educativa de xénero e promocionar a creación e produción artística e  intelectual das mulleres.

Playroomgirl III: novela os teus dramas, é a terceira edición,  e xira ao redor da estética e a temática das fotonovelas para reflexionar sobre a posición que ocupan as mulleres na sociedade. Conta con talleres de vídeo e fotografía, plataforma dixital e unha exposición final cos materiais elaborados man a man entre a xente nova que acode aos talleres, mozas de 16 a 18 anos en Barcelona e A Coruña, e as mulleres artistas convidadas. A innovación desta convocatoria é a introdución de xogos e dinámicas que expliquen os conceptos básicos do son, a luz e a imaxe porque as persoas observen a estreitada relación entre arte e ciencia. Nesta edición contamos coa colaboracion de dous importantes centros de arte:  HANGAR e  o Centro de Cultura de Dons Francesca Bonnemaison, onde se realizará a exposición final, visibilizando un espazo xestionada en por mulleres vinculadas ao movemento feminista e unindo ás alumnas con visións alternativas da arte.

O PROXECTO
Playroomgirl III: novela os teus dramas ten dous obxectivos xerais:

  • Loitar contra a fenda dixital  e educacional de xénero.
  • Fomentar o conecimiento de linguaxes visuais e audiovisuais entre as mozas novas

O magnífico resultado en Culleredo ata o 12 abril!

expo_playroom

Publicado en EVENTOS, NOVAS, OCIO, RECURSOS | Etiquetado , | Deixar un comentario