Ven de inaugurarse o curso de verán Lonxevidade e perspectiva de xénero da Universidade de Santiago de Compostela.
Preténdese recoñecer a importante contribución das persoas maiores á sociedade e á economía , especialmente as mulleres, encargadas maioritariamente das tarefas do coidado.
Actualmente, o 83% das persoas que coidan a unha persoa dependente son mulleres, e no caso das mulleres maiores de 65 anos, o 75% delas realizan tarefas de coidado, especialmente de netos e netas.
Estas funcións están cuantificadas en termos económicos, e supoñen o 0,35% do PIB e aproximadamente o 0,7% do emprego no ámbito formal, e no informal poden alcanzar máis do 4% do PIB e até o 9% do total do emprego cun custo que equivale entre o 24 e o 37% do gasto sanitario.
Esta cuantificación permite considerar este traballo como unha fonte de creación e riqueza nas sociedades avanzadas e nese sentido destaca o programa Acredita-T que recoñece e aproveita a experiencia adquirida por estas mulleres de forma que poidan acceder ao mercado de traballo.
Ante o aumento na esperanza de vida e as súas consecuencias no referente á reforma do sistema de pensións, as situacións de dependencia e as políticas de promoción do envellecemento activo, unha das primeiras accións postas en marcha foi a Lei de Dependencia, co que se sentaron as bases dun novo dereito de cidadanía.
Temos unha débeda con toda unha xeración de mulleres, que fixeron a transición demográfica e proxectaron unha vida mellor para os seus fillos e fillas e que seguen contribuíndo ao desenvolvemento social e económico. As mulleres viven máis, pero até agora facíano máis soas, máis pobres e con peor saúde. A maior lonxevidade debe estar acompañada dunha maior calidade de vida, e para iso, hai que romper coa visión negativa de que o envellecemento é sinónimo de dependencia e vulnerabilidade e facer fincapé en que a vellez é unha etapa máis da vida, non un estigma.
A idade non pode ser motivo de expulsión do exercicio da cidadanía plena. As mulleres maiores non deben atoparse unha dobre barreira polo xénero e pola idade. A idade debe ser a oportunidade para as mulleres maiores actuais de conquistar os espazos que até agora lles foron inaccesibles.