Dezanove Centros de Información á Muller da provincia da Coruña van incorporar un servizo de teledradución para mellorar a atención das mulleres e vítimas de violencia de xénero inmigrantes, que ofrece sen custe a Secretaría Xeral da Igualdade. Trátase dos CIMs de A Coruña, Arteixo, Culleredo, Santiago, Padrón, Teo, Mancomunidade de Ordes, Negreira, Ferrol, Ares, Cee, Muxía, Laracha, Outes, Zas, Boiro, Melide, Coirós e Curtis, que contarán cun novidoso sistema de teletradución a 51 idiomas.
O servizo entrará en funcionamento a vindeira semana, ao abeiro dos convenios de colaboración entre Igualdade e os respectivos concellos implicados na iniciativa.
Unha comunicación verbal eficaz, determinante nos casos de violencia de xénero
As novas características poboacionais derivadas da inmigración obrigan a mellorar as técnicas para unha eficaz atención ás usuarias, con independencia da súa lingua. A teletradución está pensada para dar apoio a unha parte da poboación que ten dificultades engadidas para acceder aos recursos existentes, formada polas mulleres inmigrantes residentes en Galicia, e ten entre as principais vantanxes reducir o estrés producido pola barreira idiomática e facilitar unha comunicación verbal máis eficaz, que resulta determinante nos casos de consulta por violencia de xénero.
A través da plataforma de teletradución, estas mulleres terán a seguridade dun acceso axeitado á información e aos recursos dispoñibles, sobre atención psicolóxica, prestacións económicas, centros de acollida ou asesoramento xurídico. O sistema permite ás usuarias comunicarse telefónicamente cunha intérprete, desde calquera centro no que se atopen, ben sexa un CIM, unha casa de acollida ou calquera entidade adherida; así como o establecemento de chamada a tres, para que interactúen a usuaria, a persoa profesional da entidade e a intérprete.