O servizo xurídico online para mulleres e vítimas de violencia de xénero, rexistrou 74 consultas no seu primeiro trimestre de funcionamento. Accesible a través desta mesma páxina web, ten como obxectivo dar unha resposta áxil, persoal e gratuíta e salvar as reticencias que se producen en moitos casos á hora de solicitar presencialmente asesoramento sobre violencia de xénero.
Por tramos de idade, as persoas de 36 a 45 anos representan o 31% das usuarias, seguidas de preto polas de 26 a 35 anos. O 42% das consultantes son persoas con estudos universitarios e, por temática, encabezan as entradas as relacionadas co acceso á asistencia xurídica gratuíta cun 25,6%, seguidas por asuntos relacionados coa conciliación familiar e co dereito de familia.
A través deste servizo, as mulleres dispoñen dunha plataforma para acceder a información e asesoramento sobre os seus dereitos, que facilite a adopción das decisións máis axeitadas en cada momento. En numerosos casos, as mulleres inmersas en entornos de violencia de xénero descoñecen os dereitos que as asisten, ignoran como abordar a interposición dunha denuncia ou que unha correcta exposición dos feitos e dos fundamentos de dereito ao longo de todo o proceso é determinante para unha resposta xudicial máis efectiva.
As consultas online poden ser complementarias ás que se realicen no CIM de Culleredo, onde tamén se garante o anonimato e a confidencialidade da muller.