O 15 de outubro se celebra o día da Muller Rural. Como non podía ser de outro xeito, dende a Concellaría de Igualdade do concello de Culleredo estamos a traballar nunha xornada que axude a empoderar as nosas mulleres, porque o futuro está nas súas mans. En breve achegarémosvos mais información. Mentras, convidámosvos a un anaquiño de lectura
[…] Mais o que me conmoveu sempre, e polo tanto non podía deixar de ter un eco na miña poesía, foron as innumerables coitas das nosas mulleres: criaturas amantes para os seus i os estraños, cheas de sentimento, tan esforzadas de corpo como brandas de corazón, e tamén tan desdichadas que se dixeran nadas solasmentes para rexer cantas fatigas poidan afrixir á parte máis froxa e inxel da humanidade. No campo, compartindo mitade por mitade cos seus homes as rudas faenas; na casa, soportando valerosamente as ansias da maternidade, os traballos domésticos e as arideces da pobreza. Soias o máis do tempo, tendo que traballar de sol a sol, e sin axuda pra mal manterse, pra manter ós sus fillos, e quisais ó pai valetudinario, parecen condenadas a non atoparen nunca reposo senón na tomba.
A emigrazón i o Rei arrabátanlles decontino o amante, o irmán, o seu home, sostén da familia de cote numerosa; e así, abandonadas, chorando o seu desamparo, pasan a amarga vida antre as incertidumbres da espranza, a negrura da soidade i as angustias dunha perene miseria. I o máis desconsolador para elas é que os seus homes vanse indo todos, uns porque llos levan, i outros porque o exempro, as necesidades, ás veces unha cobiza, anque disculpabre, cega, fannos fuxir do lar querido daquela a quen amaron, de esposa xa nai e dos numeroso fillos, tan pequeniños que inda n’acertan a adiviñar, os desdichados, a orfandade a que os condenan […]
Rosalía de Castro, prólogo de “Follas novas” (1880)