No Diario Oficial de Galicia que podes descargar AQUI, publícase a convocatoria de axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero para o ano 2013.
A contía das axudas, que poden percibirse por un período máximo de doce mensualidades, pode oscilar entre os 300 e os 800 euros ao mes, en función dos ingresos da beneficiaria, dos seus fillos ou fillas menores a cargo ou de circunstancias de discapacidade, entre outros factores avaliables. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 31 de outubro de 2013.
Os requisitos para optar a estas axudas son ser muller maior de idade ou emancipada vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia; ter cesado esta convivencia co agresor dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude; percibir uns ingresos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente; estar empadroada e residir en Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
Ademais, tamén se esixe non ter percibido con anterioridade esta axuda ou a axuda de pago único establecida na Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, para mulleres que, debido a súa idade, falta de preparación ou circunstancias sociais, teñan dificultades para obter un emprego e pola dita circunstancia non participen nos programas de emprego establecidos para a súa inserción profesional.
Achegámosvos os anexos necesarios para a solicitude así como unha guía informativa para facilitar a súa tramitación. E podes acudir ó Centro de Información á Muller de Culleredo onde podemos axudarte.