A Audiencia Nacional ven de recoñecer a unha parella de funcionarios do Estado , el policía e ela xuíz en exercicio, o dereito a compartir o permiso laboral por lactación, posibilidade da que xa goza o resto dos traballadores. Nunha sentenza coñecida hoxe, o Xulgado Central do Contencioso Administrativo número 11 estimou o recurso que presentou o home, ao que lle foi denegado o permiso de lactación. A nai solicitara un permiso de cinco semanas e renunciou ás outras tres que lle correspondían a favor do seu marido. Con todo, o Ministerio do Interior interpretou que o Estatuto do Empregado Público impedía que ese permiso se poida compartir cando ambos os proxenitores traballen e denegou o permiso ao pai.
O home invocou no seu recurso a chamada Lei de Igualdade do ano 2007 e reclamou unha interpretación do Estatuto “de acordo coa realidade social”. O xuíz, nunha sentenza da que, segundo fontes xurídicas, non se coñecen precedentes, deu a razón ao home e rexeitou o criterio restritivo da Administración ao interpretar a norma. Segundo o maxistrado, o dereito ao permiso de lactación “non é exclusivo da nai, de maneira que sexa esta a única titular e que, como tal, pode cedelo, senón que o dereito corresponde como titulares indistintos a ambos os proxenitores”
O xulgado considera que tanto o Estatuto do Empregado Público como a Lei de Igualdade teñen como obxectivo facilitar claramente a conciliación da vida familiar, e que non existe impedimento para que ambos os proxenitores poidan compartir o permiso de lactación, sempre que leve a cabo de forma sucesiva e non simultánea.