Seguindo ca intención de achegar a cultura dende estas páxinas, deixámosvos hoxe unha parada imprescindible dentro deste percorrido polo tránsito vital de Roberto Vidal Bolaño que se está a facer por mor do Día das Letras Galegas.
Convidándovos desta volta ó Teatro Principal de Santiago para asistir as funcións de Bailadelas, sobre textos de Roberto o sábado 18 e domingo 19 de maio, ás 21:00 horas
Este espectáculo fala da importancia da muller bolañesa e intenta pescudar as liñas mestras que caracterizan as súas personaxes femininas, demostrando ata que punto a muller encontra en todo o conxunto bolañés un papel en sintonía coa constante exaltación da dignidade humana e a loita pola liberdade presentes ao longo de toda a súa obra. Unha personaxe central, inspirada noutro dos textos do dramaturgo (Sen ir máis lonxe, 1999) vai unindo e presentando cada un dos cadros nunha conversa cun personaxe mudo, falando do xusto e do inxusto, do ben e do mal, do de aquí e do de acolá.
As personaxes femininas deste espectáculo fálannos do poder liberador da revolución diante do servilismo e o sometemento, da xente sen esperanza, dos perdedores e dos marxinados, da afouteza e incredulidade dunha muller indo cara a Compostela, do amor e do desamor, da soidade non elixida, da crítica aceda e retranqueira da señora de misa diaria con veo incluído, ou daquela que elixe como acto final a liberdade que lle asiste a rematar coa súa vida.
De todo un pouco hai neste espectáculo para que o público poida gozar da poesía, da protesta, do non acomodarse, da reflexión, dos sentimentos encontrados, das contradicións, das miserias e das virtudes destas personaxes que Vidal Bolaño nos achega nestes seus textos.