E un inmenso pracer para min darvos a benvida a esta páxina de información do Centro de Información á Muller de Culleredo.
O día a día insiste en darnos evidencias da fonda discriminación contra as mulleres que existe aínda na nosa sociedade e no mundo enteiro: formas de violencia simbólica, non por iso menos perniciosas pero si máis difíciles de identificar como tales (a imaxe denigrante das mulleres nos medios comunicación e na publicidade, a utilización dunha lenguaxe sexista, a tiranía da beleza malia ás nefastas consecuencias para a saúde que acarrea, e moitas outras…), conviven xunto ás formas máis explícitas de discriminación (desigualdade salarial, agresións sexuais, teito de cristal, atrancos para as mulleres podermos decidir sobre o noso corpo e sexualidade, feminicidios, asasinatos de noivas, esposas,ex-parellas, e outras formas de violencia física).
E neste panorama é vital a comunicación para a causa da igualdade. Comunicar, para dar conta dos avances que se van producindo (porque habelos hailos). Comunicar, para denunciar con voz alta e clara as inxustizas que as mulleres sufrimos no cotiá para desenvolver unha vida plena e en igualdade, pondo énfase tamén no terreo simbólico no que se asentan as formas colectivas de pensamento. E comunicar, tamén, para compartir recursos conducentes ao empoderamento das mulleres, para acceder á información sobre campañas, guías, iniciativas e políticas de xénero das que mulleres e homes podemos tomar parte de forma activa.
Velaquí a relevancia de proxectos como o CIM CULLEREDO.
Cando ocupamos un espazo na rede, falamos a lingua das xeracións máis novas de mozos e mozas, e desenvolvemos iniciativas para favorecer a alfabetización tecnolóxica das xeracións máis vellas; cando ocupamos un espazo na rede, facemos que os contidos sexan accesíbeis a persoas de calquera recanto do planeta, e favorecemos tamén que desde o noso concello poidamos darlle voz ás experiencias e inquietudes de moitas persoas
E por iso, aquí estamos. Para elas e eles. Para tod@s.
Rocío Sampedro Díaz; Concelleira de Igualdade
Concello de Culleredo