E para esta concellaría, e para o CIM de Culleredo, un pracer inmenso achegarvos á figura do gran Felipe Criado, que xenerosamente nos permitiu o uso das imaxes que ilustran a nosa cabeceira.
Membro da Real Academia Galega de Belas Artes. Defensor acérrimo da inocencia, Felipe Criado optou por eliminar certas cores da súa paleta. Deixou de pintar paisaxes para centrarse na figura humana, quizá pola súa influencia como catedrático de Anatomía. “Quizá por iso“, di, “traballei moito a figura, pero tamén a paisaxe con figura e sobre todo a figura feminina. Pintei moito o espido, pero máis que preocupado pola beleza en si mesma, estou preocupado polo mundo feminino. Neste aspecto a contemporaneidade veu darme a razón, pois cando en España era case un pecado facer un espido, eu xa os facía. Hoxe ninguén se escandaliza de nada e vive un erotismo intenso e san”.
Na súa obra predomina excesivamente a cor ocre, “desde que vin na miña primeira visita ao Museo do Prado o cadro A Sagrada Familia de Rafael, que ten o manto de San Xosé nuns ocres dourados asombrosos”. É un apaixonado das obras do Greco, Zuloaga e Benjamín Palencia, pintores que tiveron unha extraordinaria influencia na súa obra. Define o seu estilo como “produto da emoción persoal” e cre que “pintura e poesía están intimamente ligadas. O crítico ideal da pintura é o poeta, que non ten coñecementos técnicos, pero tampouco os teñen moitos críticos”.
Moitas grazas, Felipe. Dende este anaquiño do mundo femimino que é o CIM de Culleredo, o noso recoñecemento e admiración.