CURSO DE COMPETENCIAS CLAVE PARA MULLERES

A partir de hoxe 18 de marzo e ata o día 7 de xuño, as Concellarías de Muller e de Benestar Social do Concello de Culleredo, en colaboración co Plan coordinador de Servizos Sociais do Consorcio das Mariñas, desenvolverán  un curso formativo  en Competencias Clave dirixidas, neste caso, a mulleres que precisen dunha formación básica para poder acceder aos cursos da SEPE e polo tanto, ao mercado laboral.

Este curso responde ao Real decreto 34/2008, de 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade no que se   establece que os devanditos  certificados son o instrumento da acreditación oficial das cualificacións profesionais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais no ámbito da Administración laboral, que acredita a capacitación para o desenvolvemento dunha actividade laboral con significación para o emprego e que asegura a formación necesaria para a súa adquisición.

Estas competencias clave comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica  en diferentes áreas de coñecemento como Lingua Galega, Lingual española e Matemáticas.

A devandita formación desenvolverase no Local Social da Costa da Lonxa, durante 75 horas distribuídas en tres días á semana, de marzo a xuño . Ao remate das sesións as participantes terán que realizar unha proba sobre cada unha das competencias que serán avaliadas polo Instituto Galego de Cualificacións e  que se realizará para toda Galicia en Silleda.

Fomentar a formación das mulleres cara o acceso ao emprego é un obxectivo primordial  polo que dende os diferentes ámbitos tentaremos servir de axente facilitador e motivador a través de accións ou actividades coma esta.

competencias

 

Publicado en EVENTOS, NOVAS, RECURSOS | Etiquetado | Deixar un comentario

XORNADA MULLERES EMPRENDEDORAS NO RURAL

Marzo chegar, tempo de enxertar…  Enxertar:Introducir no tronco ou rama dunha árbore unha púa doutro, que conteña xema, para que poida brotar…

Qué vos parece se enxertamos ideas?

Tes unha idea emprendedora no rural? Non sabes por dónde comezar? Pois daquela nos vemos o próximo 20 de Marzo na Reitoral de Celas.  Explicaremos  como as mulleres do rural poden crear empresas na súa contorna, tendo en conta os seus talentos e as súas posibilidades.

Contaremos como convidados con:

  • Mario López Guerrero: formador, coach e especialista en xestión de equipos. Falará en “DESEÑANDO A TÚA EMPRESA” do proceso de formación desta, baseándose no modelo canvas. Este é un sistema por pasos moi visual e sinxelo que parte dunha idea emprendedora e a vai desenvolvendo ata crear unha empresa sostible
  • Laura Gallego Cantarero: deseñadora web e xestora de redes sociais para empresas que explicará “QUE É O QUE FAI UN NEGOCIO ÚNICO. MARCA PERSOAL E MARKETING”
  • Laura González:  xornalista especializada en comunicación corporativa. “A MIÑA EMPRESA EN INTERNET”, afondará nas vantaxes da comunicación dixital para as pequenas empresas tamén con exemplos reais, primeiro expoñendo o que se pode chegar a conseguir cunha páxina web, blogue, tenda online ou a presenza da marca nas redes sociais (confianza, novos clientes e máis vendas, atención e fidelización destes, proxección internacional), os baixos custos frente aos beneficios e o tempo de mantemento, así como os trucos para que nos localicen os buscadores como Google.

Veña, anímate!

CARTAZ EMPRENDEDORAS

Publicado en EVENTOS, NOVAS, RECURSOS | Etiquetado | Deixar un comentario

GRAZAS!!

Achegámosvos a imaxe da presentación do libro de Teresa Alvajar,  o pasado venres 8 de marzo, día da Muller, a cargo de Aurora Marco e do compañeiro  historiador do Concello Carlos Pereira. Non sempre temos a oportunidade de organizar actos verdadeiramente coherentes co espíritu e cos obxectivos  dos nosos proxectos, pero neste caso, a realidade superou con creces as expectativas.

Dende o CIM de Culleredo queremos darvos as grazas  por participar nos actos programados  para este día, e neste caso especial, por contribuírdes  á recuperación da nosa identidade, da nosa historia  que se  nos negou e que de non ser polas persoas que traballan neste senso non teríamos a oportunidade de coñecer e de defender  dereitos que nos pertencen.
Imaxe do 8 de marzo Acto presentación Libro Teresa Alvajar

Publicado en DIA MUNDIAL, NOVAS, OCIO | Etiquetado , , , , | Deixar un comentario

AGORA TOCA… DEREITOS DAS MULLERES

Dende o CIM de Culleredo, dentro dos actos con motivo do 8 de marzo, achegamos unha nova actividade especialmente adicada os rapaces e rapazas e a comunidade educativa. Porque toca falar de desigualdade de xénero, unha realidade que
fai que o 70% das persoas que viven nunha situación de pobreza no
planeta sexan mulleres, que unha de cada tres mulleres no mundo sufra
algún tipo de violencia ao longo da súa vida e que dos 61 millóns de
alumnos e alumnas non escolarizados máis da metade sexan nenas.

Con estas cifras a ONG Axuda en Acción presenta dentro do proxecto
educativo Agora Toca,  unha nova actividade: Canguro 24 horas, dirixida aos
centros educativos, na que pretenden animarnos a reflexionar sobre as
relación entre homes e mulleres e a igualdade nos colexios e nos fogares.

O principal obxectivo desta acción e que os participantes experimenten o
mesmo que as nenas e mulleres ás que se lles asigna un único rol, o de
nais, que moitas veces lles impide ser autónomas, estudiar ou disfrutar
das mesmas oportunidades que os homes.

agoratoca

Publicado en DIA MUNDIAL, EVENTOS, NOVAS, RECURSOS | Etiquetado , | Deixar un comentario

MEMORIAS DUNHA REPUBLICANA EN CULLEREDO

Como vos vimos anunciando, temos todo un programa de actos polo 8 de marzo, data que serve como homenaxe a todas as mulleres que loitaron porque hoxe teñamos unha serie de dereitos e data reivindicativa na que seguir demandando a igualdade de xénero en todos os eidos e eliminando todas as discriminacións existentes na actualidade hacia as mulleres polo feito de ser mulleres.

Ademais da Cea de Mulleres, queremos convidarvos este vindeiro día 8, as 20.00hs, á presentación do libro Memorias dunha Republicana.

A vida dunha muller que sufriu a represión polas súas ideas  e por rachar cos estereotipos preestablecidos. Unha muller loitadora que nunca se rendiu, aínda nas  circunstancias máis adversas… Teresa Alvajar Lopez , filla pequena de Amparo Lopez Jean  activista galeguista cullerdense.Unha biografía atravesada pola represión que agromou co golpe militar de 1936 do cal foron víctimas todos e cada un dos membros da súa familia.

Memorias escritas pola propia Mª Teresa á idade de 88 anos que lembra  veciñas/os, nenas  e nenos cos que compartiu xogos de infancia, a etapa de adolescencia, as amizades que procurou e coas que compartiu inquedanzas e tempos de lecer en diferentes cidades nas que lle tocou vivir  fuxindo tras o alzamento militar e durante a guerra e o franquismo.

Son moitas as novelas, ensaios recopilatorios, biografías de personaxes que  foron represaliados. Pero  se esquecen de que elas tamén estiveron aí, tamén sufriron represión, non só foron meras acompañantes ou cómplices das súas parellas, dos pais, … senón que tamén participaron activamente, como suxetos activos.

Por iso, hai que agradecerlle a autora, a filóloga e envestigadora Aurora Marco, esta tarefa de investigación e difusión desas voces femininas que estaban silenciadas.

Rematamos  pois, suxeríndovos a lectura deste libro dunha muller  que non vos vai  deixar indiferentes. Unha muller que se caracteriza polo seu compromiso e paixón pola terra, como así reza o  título do video realizado por Pablo Ces para as presentacións do libro.

Animádevos , estades convidados!

Presentación Libro Acto 8 marzo

Publicado en DIA MUNDIAL, EVENTOS, NOVAS, OCIO | Etiquetado , | Deixar un comentario

ESTE MES DENDE O CIM CONVIDAMOSVOS:

ACTOS_8_DE_MARZO[1]

Imaxe | Posted on by | Etiquetado , , , , , , | Deixar un comentario

CEA DAS MULLERES 2013

Cea do 8 marzo

Imaxe | Posted on by | Etiquetado , , | Deixar un comentario

SOMOS ESCRAVOS DAS NOSAS PALABRAS…

No CIM de Culleredo non dubidamos de que Shakespeare tivese razón ao afirmar que somos escravos das nosas palabras. Pero, seguramente, iso sería válido para outros tempos, aqueles en que as palabras coherencia, deber, moral, compromiso ou responsabilidade aínda significaban algo. Agora, nos tempos de pouca vergoña e  memoria de peixe, ao  fin e ao cabo son só palabras, e as palabras xa sabemos que as leva o vento…

E dicimos esto porque algún deputado publicaba na súa conta de Twitter que “a maior parte das denuncias por violencia de xénero son falsas. E os fiscais non as perseguen. As estatísticas son nesgadas”. O mesmo  deputado afirmaba tamén, que “case o 5% dos maiores de 18 anos pasou por un procedemento xudicial por violencia de xénero e por dependencias xudiciais sen probas”.

Pois ben: Os datos recollidos na memoria de 2012 da Fiscalía Xeral do Estado, no apartado do Fiscal da Sala Delegada Coordinadora contra a Violencia sobre a Muller,  indican que “das 135.540 denuncias interpostas no ano 2009, podemos concluír, a data de hoxe, que inicialmente as supostas denuncias falsas son 13, o que supón, que as posibles acusacións e denuncias falsas supoñen o 0,0096 por 100 do total das denuncias interpostas“. Os datos son similares para 2010 (10 denuncias consideradas falsas) e 2011 (19 denuncias).

Cos datos na man, o que nos ten que preocupar e o silencio das mulleres. O 80% das vítimas mortais desta lacra, o último eslabón do maltrato, non tiña interposto denuncia algunha contra o seu agresor.

pense

Publicado en NOVAS | Etiquetado | Deixar un comentario

CULLEREDO CON ROSALÍA

2013_D~1

Imaxe | Posted on by | Etiquetado | Deixar un comentario

CULLEREDO CELEBRA A SEMANA DE ROSALÍA DE CASTRO

O 24 de febreiro está recollido oficialmente como Día de Rosalía de Castro e dende o Concello de Culleredo queremos  achegarvos á figura da  escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas.

Hai quen pensa que  a súa literatura é “chorona”… e dende o CIM de Culleredo queremos darlle a volta ó mito, descubrir a ROSALIA FEMINISTA.

Rosalía falaba de soidade… SI, do sentimento de soidade  especialmente sufrido polas mulleres que están “soas en soidade”. Só serven, ao xuízo da sociedade patriarcal do século XIX, como nais, como amas de casa ou “elementos de decoración” debido a que son obxectos de beleza.

Rosalía quere desenvolver a súa actividade literaria con liberdade, non quere estar encasillada nin identificada cunha forma de escribir prototípica polo feito de pertencer a unha época ou ser muller. No primeiro poema da súa obra “Follas Novas” denuncia esta situación con certa ironía:

Daquelas que cantan as pombas i as frores,
Todos din que teñen alma de muller
Pois eu que n`as canto, virxe da Paloma
¡Ai!, ¿de que a terei?

Podes poñer de fondo a Uxía interpretando este poema e seguir a descubrir a Rosalía

Rosalía de Castro enche de denuncia social toda a súa obra e enfoca o feminismo dentro desta denuncia.Pois non se pode reivindicar unha igualdade de xénero se a desigualdade radica en primeiro lugar nas clases sociais. Para falar de educación e de vida intelectual igualitaria hai que facelo vivos, en bo estado de saúde e co estómago cheo. E tampouco se pode defender á muller e esquecer ao pobre, xa sexa do xénero que sexa e isto é o que nos transmite Rosalía, o sentimento dun pobo esquecido e que sofre:

Que si non pode, senón ca porte despirse o esprito das envolturas de carne, menos pode o poeta prescindir del medio en que vive, e da naturaleza que o rodea…

Rosalía de Castro fai sentir o seu “feminismo social” desde os comezos da súa vida literaria con “A filla o mar”, apoiándose na ficción para debuxar un retrato realista da sociedade onde os personaxes están formados por dous bandos: os opresores e os oprimidos:

mujeres hermosas y desdichadas que no conocéis más vida que la servidumbre, abandonad vuestras constumbres queridas, en dónde se conservan perennes los usos del feudalismo: huid de esos groseros tiranos y venid aquí, en donde la mujer es menos esclava, pero en donde se le concede siquiera el derecho del poder y de las lágrimas.

Noutra das súas obras, “Lieders”, di algo tan directo pero tan real como o seguinte:

Sólo cantos de independencia y libertad han balbucido mis labios, aunque alrededor hubiese sentido, desde la cuna ya, el ruido de las cadenas que debían aprionarme para siempre, porque el patrimonio de la mujer son los grillos de la esclavitud.

Nun artigo titulado “As literatas” que leva o subtítulo de “Carta a Eduarda”, Rosalía describe os obstáculos que se atopa unha muller que decide dedicarse á literatura, a dificultade da conciliación entre vida social, literaria e vida familiar e o sometemento ao xuízo dos demais que sempre critican calquera actuación, nun fragmento cheo de fina ironía:

(…) Si vas a la tertulia y hablas de algo de lo que sabes; si te expresas siquiera en un lenguaje algo correcto, te llaman bachillera, dicen que te escuchas a ti misma, que lo quieres saber todo. Si guardas una prudente reserva, ¡qué orgullosa!, te desdeñas de hablar como no sea con literatos. Si te haces modesta y por no entrar en vanas disputas dejas pasar inadvertidas las cuestiones que te provocan, ¿en dónde está tu talento?, ni siquiera sabes entretener a la gente con una amena conversación. Si te agrada la sociedad, pretendes lucirte, quieres que se hable de ti, no hay función sin tara. Si vives apartada del trato de gentes es que te haces la interesante, estás loca, tu carácter es atrabiliario e insoportable (…)

Prezada Rosalía… cómo non íamos rendirche homenaxe… O longo desta semana, iremos achegando datas e actos previstos

rosalia

Publicado en EVENTOS, NOVAS, OCIO, POESIA | Etiquetado , | Deixar un comentario