MULLERES DO RURAL

A poboación do medio rural  galego ten vivido cambios esenciais que teñen afectado á organización territorial, á orientación profesional e a demografía nos últimos trinta anos. Despoboamento, envellecemento e desagrarización son os tres termos que, dun xeito simplificado, caracterizan a profunda transformación do rural, manifestada no predominio que van tomando, en detrimento da agricultura e a gandería, novas e moi variadas funcións, nas que as mulleres teñen un importante papel.

O traballo das mulleres no medio rural é e foi crucial, no funcionamento das explotacións agrarias, onde a unidade de produción é a familia, no traballo no ámbito da casa, e a maiores no seu novo rol de iniciadora de novas actividades nestes espazos, actividades que contribúen substancialmente ao desenvolvemento rural.

Nembargantes, hai que ter en conta a situación de desigualdade na que as mulleres viven aínda no mundo rural. Parten dunha situación de invisibilidade da súa aportación ao sistema produtivo, debido ás características dos traballos que realizan, agachadas nunha xeral “colaboración” ou “axuda familiar” na explotación agraria ou gandeira, non estando normalmente rexistradas como activas. Podemos dicir sen temor a trabucarnos que gran parte da produción do noso campo é obtida grazas ao traballo de moitas mulleres “invisíbeis”.

A dobre cotización, ou cotitularidade das explotacións agrarias aínda é un tema por solucionar, a pesares dos avances dos últimos anos. A rendibilidade das explotacións é pequena e o custo da cotitularidade importante.

A maioría das mulleres que levan a cabo iniciativas empresariais no rural adoitan elixir actividades que lles permiten compatibilizar as súas responsabilidades familiares, menos compartidas cos homes que nas cidades e vilas, algo que ten que ver tamén coa menor dispoñibilidade de servizos de proximidade – garderías, centros de día, servizos de transporte-. Isto tradúcese na práctica na posta en marcha de pequenos negocios cun volume de beneficios reducido.

As dificultades para rachar estereotipos vinculados aos roles masculino e feminino na familia e na vida laboral teñen tamén o seu importante papel nas dificultades que teñen as mulleres para participar en igualdade de condicións no desenvolvemento rural. Estes prexuízos de xénero inflúen tamén na desigualdade na representación pública e política das mulleres, e na súa participación nos órganos de toma de decisión, tradicionalmente copados por homes.

A escasa valoración da súa contribución ao desenvolvemento rural é a principal fonte de desigualdade.

Na loita pola igualdade das mulleres debe apostarse polas mulleres do ámbito rural. Aínda que na actualidade se foron suprimindo algúns obstáculos para o acceso das mulleres aos distintos sectores da sociedade, como pode ser o educativo, laboral, profesional…este proceso de cambio prodúcese a un ritmo máis lento no medio rural.

O asociacionismo

O rural galego sufriu importantes cambios coa incorporación de España á Unión Europea, xa que foron transformados sectores básicos de actividade como o agrario e o gandeiro. O medio rural ve como descende cada día o número de persoas ocupadas na agricultura e ao mesmo tempo aumenta o peso noutros sectores, e pode dicirse que as mulleres teñen un papel cada día máis visible e significativo nesta transformación.

A muller galega configurou o medio rural tal e como hoxe é. Sen elas, pode que hoxe en día tivéramos perdido parte da nosa idiosincrasia.

O rural precisa transformarse e avanzar, teñen que xurdir e desenvolverse novos proxectos nos que as mulleres teñen que estar presentes, en temas como as tecnoloxías da comunicación e da información, a calidade, ou a protección do medio ambiente.

Neste traballo xogan un papel fundamental as asociacións de mulleres rurais. O futuro do medio rural depende en gran maneira do papel outorgado ás mulleres, e as asociación son unhas importantes aliadas para a difusión e implementación de moitos programas deseñados e impulsados polas administracións.

A implicación das asociacións de mulleres rurais no desenvolvemento do potencial existente no mundo rural é fundamental. O tecido asociativo de mulleres en Galicia conta con gran experiencia, e leva traballado moito pola promoción da igualdade entre mulleres e homes. De feito, son moitos os froitos que temos na sociedade do xeneroso traballo destas asociacións.

As mulleres no rural queren opcións laborais reais, sexa en forma de industrias vencelladas ás actividades agroalimentarias, ás artesanais, ao turismo rural, ás cooperativas téxtiles, á madeira, aos mobles, aos servizos como a hostalería, o comercio, a atención a persoas maiores e nenas e nenos. Destaca o turismo rural, xa que unha boa parte das iniciativas nesta área corresponden a proxectos desenvolvidos por mulleres, aínda que non figuren como titulares das empresas.

Dende o voso CIM, informaremosvos das axudas para apoiar ás asociacións de mulleres dinámicas, activas, que apostan pola formación, pola información, pola conciliación, que propoñen novos retos, que se implican na eliminación das discriminacións e que impulsan a realización de actividades encamiñadas a mellorar a situación das mulleres do rural.

Para máis información, podes descargar o documento “A situación das mullers no ámbito ruaral galego” premendo na imaxe