MULLERES EXPERTAS

A Cuarta Conferencia Mundial sobre as Mulleres, celebrada en Pekín, China, en setembro de 1995, estableceu unha axenda para a participación das mulleres, denominada Plataforma de Acción. As súas accións pretenden o serio compromiso de tódolos sectores, públicos e privados, na erradicación daqueles obstáculos que aínda perviven para a activa participación das mulleres en tódalas esferas da vida, a través dun equilibrio no acceso á toma de decisións no eido económico, social, cultural e político.

O potencial dos medios de comunicación para contribuír ao avance das mulleres no mundo foi recoñecido, pola incidencia que as súas mensaxes teñen nas políticas, nas actitudes privadas e no comportamento das persoas, moi particularmente na infancia e na xuventude. Pero ao mesmo tempo púxose de relevo o pesado fardo que supón aínda a repetición nos medios de imaxes negativas ou estereotipadas das mulleres, que seguen pesando gravemente sobre a imaxe xeral do colectivo.

Entre as accións propostas para aumentar a participación e o acceso das mulleres á expresión e á toma de decisións nos medios de comunicación, está a creación de directorios de expertas. É unha evidencia constatada en case tódalas sociedades que é necesario articular mecanismos para loitar, en primeiro lugar, contra os estereotipos sobre as mulleres e as actividades que realizan, xa que se trata de ideas preconcibidas ancoradas no pasado e que nada teñen que ver co papel cada vez máis importante que as mulleres teñen en tódolos ámbitos da nosa sociedade. Ao mesmo tempo, é importante tamén realizar accións que leven a unha maior visibilidade da realidade das mulleres na nosa sociedade, as súas tarefas, os seus logros e as súas actividades.

Co Directorio de Mulleres Expertas que vos presentamos AQUI, o que se pretende é precisamente dotar aos medios de comunicación dunha ferramenta que permita a procura da opinión experta entre o colectivo das mulleres, visibilizando o importante número de mulleres na nosa Comunidade Autónoma que teñen méritos abondo para seren consideradas expertas na materia á que adican os seus esforzos profesionais.

Preténdese así, dun xeito moi sinxelo, incorporar aqueles rasgos mais importantes do curriculum profesional dunha muller e os seus datos de contacto, para que o medio de comunicación correspondente, no momento que queira conquerir unha opinión experta sobre un tema concreto, poida atopala facilmente e así, contribuír a unha maior e mais real visibilización do traballo e o esforzo das mulleres galegas.

O traballo realizado para a procura dos nomes que compoñen este directorio non é mais ca unha primeira aproximación. O directorio está aberto a novas e continuadas incorporacións, que o farán máis completo, actualizado e útil, na  tarefa por conquerir un maior espazo para as mulleres nos medios de comunicación, que poda axudar a eliminar, a través da difusión do rigoroso traballo e adicación que hai detrás de cada unha delas, os estereotipos que aínda nos vencellan exclusivamente ao ámbito privado, do coidado e do fogar.

A concepción da cualidade de experta ten sido, desde o comezo do traballo de elaboración deste directorio, aberta e non exclusiva. Desde a incorporación de mulleres cun perfil claramente técnico -profesoras de universidade, investigadoras, profesionais vencelladas a carreiras habitualmente consideradas como masculinas- a outras vencelladas a outros eidos considerados tradicionalmente como mais femininos, a  vontade é que sexa posible atopar calquera tipo de perfil, desde as profesionais da investigación ata as directivas de asociacións.

A tarefa non é doada, pero en cambio enormemente ilusionante. Cada muller participante no proxecto, cada opinión verquida despois da solicitude desde un medio de comunicación, está colaborando na tarefa máis gratificante de todas, a de conquerir que a sociedade na súa totalidade sexa consciente do decisivo paso que as galegas teñen dado nos últimos trinta anos para incorporarse, de xeito igualitario e xusto, á todas as facetas da vida de Galicia.