A historia pasada, e a presente, indícanos que as mulleres galegas de onte e de hoxe son valentes, talentosas, intelixentes, abnegadas. Foron e son a columna vertebral da nosa sociedade.
Este espazo responde á preocupación de devolverlles ás mulleres o lugar que lles corresponde na historia; unha historia da que foron esquecidas, a pesar de que máis da metade da humanidade está constituída precisamente por mulleres.
Rescatalas da invisibilidade que as oculta, reivindicar o papel da súa traxectoria vital na construción da nosa historia colectiva como pobo é un dos obxectivos desta sección, que quere dar a coñecer dende diferentes momentos históricos o papel que as mulleres tiveron, que na maior parte dos casos foi silencioso e anónimo, e as transformacións que se foron dando hasta alcanzar este século XXI, chamado por algúns “o século das mulleres”.
Coñecer a historia das mulleres tamén nos permitirá entender a orixe de moitos dos estereotipos sexistas que existen na actualidade. Coñecer o por qué dos problemas é unha boa maneira de comezar a solucionalos.
A falta de formación habitual nas mulleres ao longo dos séculos, porque na meirande parte da historia non se deron as condicións para que accedan a ela, foi suplida pola súa capacidade de adaptarse ás circunstancias: unha proba diso é o papel das mulleres nos diferentes movementos migratorios que, debido á falla de oportunidades, viviu Galicia. En moitas ocasións, sen sabelo, feminizaron cos seus actos sectores tradicionalmente masculinos, como a cultura, a economía, a política, ou o propio imaxinario galego, tan importante na cultura do noso país, coa súa destacada presenza.
Dende aquí queremos recordar a todas as mulleres, cada unha na súa época, que cos seus actos supuxeron un punto de inflexión para dar un paso a diante cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
O primeiro texto escrito por unha muller orixinaria probablemente da antiga Gallaecia, que data aproximadamente do ano 381, é o itinerario de Exeria, un relato da súa peregrinación desde a súa terra de orixe ata Terra Santa. Outra muller, María Balteira, foi protagonista de moitas cantigas medievais; María Soliña, mártir da caza de bruxas da inquisición; María Castaña, líder do levantamento contra o bispo de Lugo pola explotación do pobo; María Pita, lendaria defensora da cidade da Coruña ante a invasión dos piratas ingleses; Ines de Castro, raíña de Portugal despois de morta; Isabel Barreto, a primeira muller almiranta de mariña; Rosalía de Castro, que logrou o recoñecemento literario que non se daba as mulleres; María Casares, a actriz que triunfou no exilio; as grandes loitadoras na defensa dos dereitos das mulleres no século XIX, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, e por suposto a todas as mulleres anónimas que traballaron por mellorar a súa situación persoal, a das súas familias e das súas conxéneres.