ANTE UNHA AGRESIÓN


Ademais de seguir as medidas do plan de seguridade, se sofres unha agresión é necesario que realices algunhas actuacións que serán de gran utilidade nos procedementos xudiciais, penais ou civís, que inicies con posterioridade. A maioría destas actuacións tenden a que quede probada a realidade da agresión e outras teñen como finalidade a túa protección.

  • Chama á policía (091) ou á garda civil (062), dá o teu nome e o enderezo onde te atopas e solicita axuda. Mentres chega a patrulla é conveniente que sigas rigorosamente as súas indicacións. É posible que a policía ou a garda civil procedan á detención do agresor, trasladándoo á comisaría.
  • Se podes, avisa a algún veciño/a ou familiar que poida presenciar e posteriormente declarar como testemuña no procedemento xudicial sobre:
  1. O teu estado físico (golpes, feridas, erosións, inchazóns, etc.)
  2. O teu estado anímico (medo, angustia, etc.) logo da agresión.
  3. A situación física e anímica dos fillos e/ou fillas.
  4. Os danos producidos na vivenda, as roupas, o enxoval…
  5. A actitude do agresor.
  • Recolle e garda toda a documentación persoal, túa e dos teus fillos e fillas (DNI, tarxeta de residencia ou pasaporte, libro de familia, carta ou tarxetas da Seguridade Social, caderno, talonario ou tarxeta bancaria…), así como aquela que vai resultar útil nos procedementos xudiciais (documentos acreditativos dos ingresos e dos gastos familiares: nóminas, xustificantes de pago de horas extras, recibos do aluguer, facturas de electricidade, teléfono, seguro médico, pediatras, farmacia, supermercado, gastos de escolaridade dos fillos e das fillas e actividades extraescolares; documentos acreditativos de agresións anteriores: denuncias, informes médicos, sentenzas…). Conserva todos os xustificantes dos gastos que se produzan como consecuencia da agresión (gastos médicos, farmacéuticos, desprazamentos…). Toda esta documentación necesitarala para acreditar os danos económicos que a agresión supuxo e reclamar o seu importe ao agresor.

Se se produciron lesións físicas, ademais das anteriores actuacións, é conveniente que sigas as seguintes recomendacións:

  • Acode a un centro médico-sanitario. O parte médico de urxencias será remitido ao Xulgado de Garda. É conveniente que expliques con precisión todas e cada unha das lesións sufridas, se tamén te forzou a manter relacións sexuais e se tes sinais de agresións anteriores.
  • Toma fotografías das lesións. Ten en conta que é posible que pasen días ata que sexas citada polo xulgado para que o/a médico/a forense examine as lesións sufridas e para entón estas poden desaparecer totalmente. Será de gran axuda que ti poidas achegar fotografías nas que se poidan observar as lesións tal e como eran nos días inmediatamente posteriores á agresión.
  • Acode ao/á medico/a de familia, pon no seu coñecemento os feitos sucedidos para que poida realizar un seguimento das lesións. Non esquezas que estas últimas son tanto as físicas como as psíquicas.
  • Garda copia de todas as receitas e informes médicos, é moi importante que teñas no teu poder documentos médicos acreditativos de todas as consultas e asistencias médicas que necesites para curar as túas lesións.
  • Se fuches obrigada a manter relacións sexuais non te laves e acode ao servizo de urxencias ou de xinecoloxía do hospital, e explícalles de que xeito ocorreron os feitos sen avergoñarte por iso.

Se tras a ruptura segues sendo acosada:
Pode acontecer que tras decidires romper a relación, o agresor se resista a perder o control sobre ti: perseguíndote, vixiándote, chamándote constantemente, atemorizándote, molestando a familiares e amigos, desprestixiándote laboralmente, ameazándote con suicidarse ou facer dano a un ser querido… Todos estes actos  que afectan á túa vida social, laboral e persoal, son indicadores dunha posible acción violenta.

Ante esta situación:

  • Denuncia a situación.
  • Evita calquera contacto con el.
  • Non aceptes nunca un encontro a soas.
  • Evita estar soa.

Advertisements