ABRAMOS O CÍRCULO
Abramos o Círculo é un programa de atención psicolóxica especializada e de apoio, financiado pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, e dirixido a homes que adoptan actitudes inadecuadas e violentas nas relacións coa súa parella, coa súa familia, co seu círculo social e desexan adquirir novos modos de comportamentos exentos de agresividade.
O programa ofrece dúas áreas de atención:
- Información
- Atención/intervención psicolóxica personalizada
Obxectivo
Ofrecer atención e terapia psicolóxica a homes que queiran aprender a resolver conflitos sen violencia e a comunicarse mellor coa súa familia e coa súa parella.
Requisitos para acceder ao programa
O acceso é gratuíto e anónimo.
Persoas ás que se dirixe
Homes con problemas de control da violencia que desexen:
- Aprender a resolver conflitos sen violencia e a comprender a natureza da violencia
- Aprender a comunicarse mellor
- Relacionarse coas mulleres con respecto e igualdade
- Educar os seus fillos e fillas en igualdade
- Asumir hábitos positivos de relación e convivencia
Atención psicolóxica ás vítimas de violencia de xénero
As mulleres que sofren violencia de xénero teñen á súa disposición un programa de atención psicolóxica que lles axuda a afrontar a situación que sufriron e a reforzar a súa autoestima, ademais de ser un apoio na recuperación ou adquisición de habilidades e capacidades que lles permitan lograr a autonomía e a integración na vida social e laboral. Tamén as/os menores e persoas delas dependentes poden utilizar este recurso.
A través deste servizo ponse a disposición das vítimas de violencia de xénero unha rede de profesionais da psicoloxía, con formación específica, que de xeito gratuíto realizan a intervención máis axeitada para cada caso.
Obxectivo
O programa desenvólvese en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia e ten como finalidade ofertar recursos terapéuticos que abran vías de recuperación a aquelas mulleres que estean a sufrir ou teñan sufrido violencia de xénero ou doméstica, e complementariamente, a menores e outras persoas dependentes delas que teñan pasado pola mesma situación.
Prestación do servizo
O programa conta cun psicólogo/a coordinador/a e cunha rede de profesionais debidamente acreditados/as, que levarán a cabo a intervención profesional a que se refire o programa en toda a Comunidade Autónoma de Galicia.
Requisitos para acceder
Acceso gratuíto e anónimo as 24 horas.
Atención e asesoramento
Teléfono 629 777 595 do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (Rúa da Espiñeira 10-baixo; 15706 Santiago de Compostela)