QUÉ É?

Trátase dunha violencia que afecta ás mulleres polo mesmo feito de selo. Constitúe un atentado contra a integridade, a dignidade e a liberdade das mulleres, independentemente do ámbito no que se produza.

Enténdese por violencia de xénero calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada. (Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero).

O concepto “violencia de xénero” dá nome a un problema, que ata hai pouco, formaba parte da vida privada das persoas; era considerado un asunto de familia que non debía transcender de portas para fóra e, polo tanto, no que non se debía intervir. Entender a violencia como un asunto privado reforza ás mulleres a unha situación de subordinación respecto do home e implica asumir as relacións de poder historicamente desiguais entre ambos e a través das cales se lexitima ao home a manter o seu status-quo da dominación incluso a través da violencia. Esta percepción contribúe a que as mulleres non denuncien a súa situación por medo, vergoña ou culpabilidade.

A discriminación das mulleres e a violencia de xénero (como a manifestación máis brutal das desigualdades entre homes e mulleres) é un problema que traspasa fronteiras e que está presente na maior parte dos países do mundo coa particularidade de que as vivencias do maltrato son enormemente parecidas en todos os lugares e culturas.

Deben lembrarse que a violencia é unha estratexia de relación aprendida, non é innata. Se isto fose así, todas as persoas serían violentas ou todas as persoas exercerían a violencia da mesma maneira e no mesmo grao; sen embargo, non sempre a empregamos nas nosas relacións: falamos, negociamos, pactamos, tratamos de comprender o punto de vista da outra persoa e finalmente chegamos a un acordo, aínda que non obteñamos o que en principio queríamos.

Os maltratadores son selectivos no exercicio da violencia, o que demostra que son capaces de controlarse en calquera outra situación.

Diferentes conceptos

Calquera tipo de violencia fundaméntase nunha relación de poder onde alguén trata de dominar a outra persoa pola forza, contra a súa vontade; trata de obrigala a que faga o que non desexa, a que se pregue e recoñeza a súa inferioridade e dependencia con respecto a quen exerce a violencia.  En todos os casos de violencia as vítimas pasan por un gran sufrimento e todas elas requiren coidado e atención, e todas as persoas agresoras son merecedoras da súa correspondente sanción penal; non obstante, cada tipo de violencia ten as súas peculiaridades. Pretender que toda violencia é igual impide que a violencia de xénero sexa comprendida adecuadamente e poida ser combatida eficazmente.

  • Violencia: uso intencional da forza física ou poder contra un/unha mesmo/a, cara outra persoa, grupo ou comunidade e que ten como consecuencia probables lesións físicas, danos psicolóxicos, alteracións do desenvolvemento, abandono e incluso morte.
  • Violencia de xénero: dirixida ás mulleres polo mesmo feito de selo, é dicir, por considerar que o sexo feminino é inferior e debe continuar nunha posición de subordinación con respecto ao masculino.
  • Violencia familiar: infrinxida por persoas do medio familiar e dirixida, xeralmente, ás persoas máis vulnerables do mesmo: nenos, nenas, persoas anciáns, persoas discapacitadas…
  • Violencia  doméstica: dirixida á persoa ou persoas que convivan xuntas. Non é preciso que existan lazos familiares.