RECURSOS

Guía de Recursos Fronte a Violencia de Xénero para a poboación Inmigrante

A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, no eido do programa ‘Galicia acolle en igualdade’, editou  a Guía de Recursos Fronte á Violencia de Xénero para a Poboación Inmigrante, que se distribúe a través das diferentes asociacións de inmigrantes en Galicia e que tamén podes descargar AQUI.

A versión en castelán AQUI, en francés AQUI e en romanés AQUI

Guía de recursos para mulleres que sofren violencia de xénero

A guía que poñemos á túa disposición AQUÍ é, fundamentalmente, unha axuda para as mulleres que sofren unha situación de violencia e, ao mesmo tempo, unha ferramenta de traballo para aquelas persoas que teñen contacto cotiá con esta realidade.

Aínda que as súas principais destinatarias son as mulleres, igualmente son público desta guía as familias, as e os adolescentes, o persoal técnico e político, en definitiva, a cidadanía en xeral.

Punto de coordinación das ordes de protección

En Galicia estableceuse no ano 2004 o Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP) adscrito ao Servizo Galego de Igualdade (Secretaría Xeral da Igualdade), que leva a cabo o seguimento das ordes de protección das mulleres vítimas de violencia, realizando as xestións oportunas ante as diferentes administracións para facilitarlle o acceso aos recursos existentes e ofrecerlles un marco integral de protección.

Desde o momento en que o PCOP recibe as ordes de protección, ou calquera outra medida xudicial de carácter cautelar, inicia un contacto coa beneficiaria a fin de informala do procedemento que se vai seguir, os recursos de que dispón e, a comprobación de que as ditas ordes ou medidas se cumpren correctamente. No suposto de que existan quebrantamentos, se lle informa da canle a seguir para interpoñer a correspondente denuncia. A usuaria é informada tamén, se así o desexa, doutros trámites xudiciais como pode ser a separación ou o divorcio, custodia de fillos/fillas, etc. Por tanto, unha vez recibida a orde de protección, orde de alonxamento ou outra medida, iníciase o contacto coa vítima para, coñecendo a súa situación persoal e as súas propias necesidades, informala do recursos asistenciais e de protección social existentes que pode solicitar

Vivendas de seguridade para vítimas de explotación sexual e trata

O artigo 29.3 de Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes recolle a obriga da Xunta de Galicia na loita contra o tráfico de mulleres, nenas e nenos que teñan como finalidade fundamental a súa explotación sexual no territorio da nosa comunidade autónoma, establecendo que esa loita deberá realizarse a través dunha intervención integral que permita a prevención, detección, atención e, se é o caso, integración das mulleres vítimas do tráfico de explotación sexual.

Por outra banda, o artigo 47.1 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero establece que os centros e servizos que conforman os recursos de asistencia integral ás mulleres que sofren violencia de xénero teñen como finalidade básica achegarlles axuda e asistencia directa ás mulleres e ás persoas delas dependentes, e apoialas na procura de solucións dos conflitos que derivan da violencia.

Un dos recursos cos que contamos son vivendas de seguridade, destinadas a facilitarlles ás mulleres que deciden abandonar a situación de explotación un espazo de reflexión previo á denuncia que resulte suficiente para que a vítima poida restablecerse e escapar á influencia dos traficantes e/ou poida decidir, con coñecemento de causa, a súa cooperación coas autoridades competentes.

Advertisements