Onte rematábamos a xornada co acto de presentación da exposición fotográfica “mulleres de vida alegre” e a magnífica e amena mesa sobre o tema da prostitución, a trata e a explotación sexual.
Esta mañá, o CIM de Culleredo participou na xornada do Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata de Persoas, que se levou a cabo no Museo Pedagóxico de Galiza en Compostela.
Supuxo unha aproximación á dimensión do fenómeno en Galiza: ó redor do 90% da prostitución consumida no noso país está controlada por mafias, maioritariamente latinoamericanas, e un 32,1% dos homes recoñecen consumir sexo de pago.
Segundo datos da Fiscalía Superior de Galiza, o número de mulleres identificadas aquí entre 2005 e 2008 polas forzas de seguridade como vítimas da trata de seres humanos con fins de explotación sexual foi de 234, a teor do manifestado por elas mesmas en dependencias policiais. Mais non se cuantifican as que non se manifestan.
Na sesión presentouse o proxecto internacional Itíneris para a protección dos dereitos das mulleres migrantes procedentes de Brasil con destino á UE, que pretende que a problemática se afronte nos países de orixe e sabendo que Brasil encabeza os países de procedencia das mulleres que exercen a prostitución na nosa comunidade, xunto a Romanía e Nixeria.
Drama versus ociosidade
Silvia Pérez Freire, investigadora da Universidade de Vigo, interveu sobre O actor prostituínte: o denominado cliente, advertindo que as mulleres viven cun compoñente dramático a prostitución, con graves consecuencias físicas e psicolóxicas, incidindo en que onde para a muller hai “drama”, para o home hai “ociosidade”.
Carlos Bandín, axente da Garda Civil experto en delitos desta natureza cunha longa traxectoria en Europol, aportou a súa visión dende unha perspectiva policial.
A actriz e directora de cine Mabel Lozano asistíu á xornada para presentar a curtametraxe dirixida por ela Escúchame, que reflicte en pouco máis de catro minutos a dura realidade de mulleres novas, de distintas nacionalidades, que son vítimas da trata con fins de explotación sexual. Fondamente implicada, voz das mulleres cos seus documentais, tivo a amabilidade de permitirnos colgar nesta páxina en breve os seus cortos.
O noso agradecemento a esta entusiasta muller, e o de todos e todas que seguides esta páxina.