ANTE O MALTRATO

Recomendacións

Lembra que ningunha muller debe permanecer nunha relación na que non se sinta respectada como persoa nin se lle recoñeza como igual.

Podes buscar axuda nos Centros de Información ás Mulleres e asociacións especializadas que che informarán e apoiarán nas actuacións que debes levar a cabo.

Se aínda non tomaches a decisión de saír da situación de violencia ou se xa o decidiches pero aínda convives co agresor, convén que sigas algunhas recomendacións para reducir o perigo de posibles agresións e para actuar no caso de que se produza un novo episodio violento.

Plan de seguridade

Cando se produza ou creas que se pode producir unha nova agresión:

  • Evita estar en lugares nos que o agresor poida acceder a obxectos perigosos, como a cociña.
  • Permanece nunha habitación fóra do alcance do agresor e próxima á porta da rúa co fin de facilitarche a saída do domicilio.
  • Refúxiate coas túas fillas e fillos na casa dun veciño/a.
  • Pecha todas as entradas se o agresor saíu do lugar.
  • Inventa unha linguaxe de signos ou sinais que che permita comunicarlles aos teus fillos/as o momento no que deben saír do domicilio familiar e acudir á casa dun veciño ou veciña onde poidan refuxiarse e pedir axuda.
  • Pon en coñecemento dalgún veciño/a da túa confianza a túa situación e pídelle que chame á policía no momento en que oia calquera suceso violento no domicilio familiar.
  • Pensa no domicilio dalgunha persoa amiga ou familiar onde refuxiarte ata que non exista risco e poidas regresar ao teu domicilio. Se non contas con ningunha persoa que poida axudarche, localiza con anterioridade o enderezo e o teléfono dos servizos de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero onde poderás pedir axuda e un aloxamento de urxencia. Teléfono de información ás mulleres: 900-400-273.
  • Ensínalles aos teus fillos/as a marcar o teléfono de urxencias (112) onde poderás solicitar o auxilio da policía, garda civil, servizos médicos de urxencias…
  • Ten sempre a man:
  1. Documento Nacional de Identidade (tarxeta de residencia ou pasaporte se es estranxeira).
  2. Un xogo de chaves de reserva do domicilio e do coche.
  3. Un xogo de roupa para ti e os teus fillos e fillas.
  4. Carta ou tarxetas sanitarias.
  5. Axenda de teléfonos na que debes incluír todos os teléfonos de amizades ou familiares que poidan apoiarte así como os números de teléfonos de Centros de Información ás Mulleres ou asociacións ás que podes chamar solicitando axuda.
  6. Contrato de compra-venda ou arrendamento da vivenda.
  7. Libro de familia.
  8. Denuncias e informes médicos de agresións anteriores.
  9. Caderno, talonario e/ou tarxetas bancarias.
  10. Documentos que acrediten os ingresos e os gastos familiares.
  • Ten en conta que é conveniente que contes cunha cantidade de diñeiro que che permita facer fronte aos gastos teus e dos teus fillos/as ata que haxa, se é o caso, unha resolución xudicial que fixe unha achega económica por parte da túa parella ou cónxuxe. Se é posible ten unha pequena cantidade de diñeiro aforrada.
  • Se o teu teléfono grava os últimos números marcados, cando realices algunha chamada pedindo información ou axuda en relación coa situación de maltrato, ten a precaución de marcar posteriormente un número de teléfono que non infunda sospeitas ao agresor, o de amizades ou familiares, para evitar que o agresor descubra o número ao que realmente chamaches.