ES VÍTIMA SE…

Se te sentes identificada con algunha das seguintes manifestacións, estás sendo vítima de maltrato

Sexan cales sexan as formas en que se manifesta o maltrato, sempre busca un mesmo obxectivo: erosionar a autoestima da muller con fin de que o agresor aumente o seu  grao de poder e control sobre ela.

Hai moitas formas de violencia contra as mulleres, aquí achegamos algunhas indicacións para poder identificalas.

Violencia física
Inclúe calquera acto de forza contra o corpo da muller, con resultado ou risco de producir lesión física ou dano: labazadas, golpes, queimaduras, beliscos, tiróns de pelo, picadas, empuxóns, lanzamento de obxectos, uso de armas, intentos de estrangulamento, intentos de asasinato, intentos de provocar abortos…

O maltrato físico é o máis evidente e o máis doado de demostrar; aínda así,  non é preciso que se requira atención médica ou que teña efectos visibles no corpo. É moi probable que comece cun simple golpe ou labazada.

Violencia psicolóxica
Inclúe toda conduta, verbal ou non verbal, que produza na muller desvalorización ou sufrimento: insultos (expresión como: estás louca, es unha histérica, ignorante, atrasada, fea); menosprezos (expresións como: non serves para nada, non es capaz de facer nada ben, mala nai, se non fose por min onde irías?..); intimidacións / ameazas (expresións como: voute matar, vaite da casa, vouche quitar os/as nenos/nenas, voute fundir..); abuso de autoridade ( por exemplo: rexistra as túas cousas, revisa o teu correo, preguntas cousas como “con quen estivestes hoxe?”, chegastes 10 minutos tarde…); falla de respecto (non respecta as túas necesidades, sentimentos, opinións, desexos e manipula o que dis, destrúe obxectos de especial valor para ti, ignora a túa presenza, desautorízate diante dos nenos/nenas..); esixir obediencia (non quere que a muller traballe fóra da casa, non quere que estude, quere que se vista como el quere, contrólalle o tempo, pregúntalle “a que hora chegas?”, dille “quita esa roupa e vístete como Deus manda”…); utilización das fillas e fillos (ameaza con quitarlle as/os menores, ameázaos e maltrátaos, obrígalle a que fagan de espías, culpabiliza constantemente á nai); castigar co silencio e incomunicación (o silencio reiterado pode chegar a ferir tanto como as palabras); culpabilizar á muller de todo o que ocorre na casa de modo que ao final ela pensa que é a culpable de todas as situacións de tensión; amosar celos (acusar constantemente de ser infiel e coquetear con outros homes, impedir relacións con amigos/as e familiares, illar a muller de toda a súa contorna…).

O maltrato psíquico é o máis difícil de detectar, dado que as súas manifestacións poden adquirir gran sutileza; non obstante, a súa persistencia no tempo deteriora gravemente a estabilidade emocional, destruíndo a autoestima e a personalidade da muller.

Violencia sexual e abusos sexuais
Inclúen calquera acto de natureza sexual forzada polo agresor ou non consentida pola muller, e que abarcan a imposición, mediante a forza ou con intimidación, de relacións sexuais non consentidas, e o abuso sexual, con independencia de que o agresor garde ou non relación conxugal, de parella, afectiva ou de parentesco coa vítima.

Acoso sexual
Inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se vale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta.

O tráfico de mulleres e nenas con fins de explotación
Inclúe a captación, o transporte, o traslado, a acollida ou a recepción de persoas, especialmente de mulleres e nenas, que son as súas principais vítimas, recorrendo á ameaza ou ao uso da forza ou outras formas de coacción, ou rapto, ou fraude, ou engano, ou abuso de poder ou dunha situación de vulnerabilidade ou a concesión ou recepción de pagos ou beneficios para obter o consentimento dunha persoa que teña autoridade sobre outra, con fins de explotación. Esa explotación incluirá, como mínimo, a explotación da prostitución allea ou outras formas de explotación sexual, os traballos ou servizos forzados, a escravitude ou as prácticas similares. Independentemente da relación que una á vítima co agresor e o medio empregado.

Violencia económica
Inclúe a privación intencionada, e non xustificada legalmente, de recursos para o benestar físico ou psicolóxico da muller e das súas fillas e fillos ou a discriminación na disposición dos recursos compartidos no ámbito da convivencia de parella.

O maltratador considera que a muller é incompetente e que non administra ben ou  gasta os cartos  en cousas innecesarias, polo que non pode tomar decisións sobre o destino do gasto.