CONCILIACIÓN

A expresión “Conciliación da vida laboral e familiar” fai referencia á necesidade de compatibilizar o traballo remunerado co traballo doméstico e as responsabilidades familiares; non obstante, tamén ten que estar relacionada coa dispoñibilidade de tempo para o desenvolvemento persoal de cada individuo. É entón cando falamos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

A conciliación da vida persoal, laboral e familiar preséntase como unha necesidade que afecta a toda a sociedade e que, polo tanto, debe ter unha resposta conxunta implicando a todos os axentes, administracións públicas, organizacións, axentes sociais, cidadanía en xeral, etc.

  • A Administración pública: a través da creación de servizos  de apoio e novas infraestruturas que faciliten a conciliación e proporcionando modelos de flexibilidadade no contorno de traballo que sirvan de exemplo ao resto das organizacións.
  • Empresas e sindicatos: adoptando novas formas de organización do traballo que permitan, tanto a mulleres como a homes, mellorar as condicións de benestar persoal e familiar.

Mulleres e homes: cambiando as mentalidades para favorecer un avance na asunción das responsabilidades familiares / domésticas de forma corresponsable.

Pero non podemos falar de conciliciación esquecéndonos da CORRESPONSABILIDADE

O termo corresponsabilidade fai referencia á responsabilidade compartida dunha situación ou actuación determinada entre dúas ou mais persoas. As persoas corresponsables posúen os mesmos deberes e dereitos na súa capacidade de responder polas súas actuacións nas situacións ao seu cargo.

Ás mulleres asignáronselle tradicionalmente tarefas e responsabilidades relacionadas coa familia e o fogar, e aos homes tarefas e responsabilidades de tipo laboral, cultural e político. Esta distribución respondía á aplicación de dúas lóxicas ben diferenciadas: dun lado a lóxica masculina e patriarcal da produción, doutra a lóxica feminina e maternal da reprodución, producíndose historicamente unha subordinación da lóxica reprodutiva á lóxica produtiva.
Nos últimos anos tense producido un avance considerable no acceso das mulleres ao ámbito público, á formación, ao emprego e ao lecer; sen embargo continúa pendente o acceso dos homes ao ámbito do fogar.

No ámbito privado sitúanse unha boa parte dos elementos que veñen configurar a fronteira da desigualdade, máis concretamente no fogar e a familia e arredor das tarefas que esixe o seu correcto mantemento.

A corresponsabilidade doméstica configúrase como o contrapunto necesario para acadar a igualdade completa no mundo laboral, posto que non cabe falar dunha igualdade real mentres a muller continúe a desempeñar unha dobre ou tripla xornada que a obrigue a renunciar ao seu ocio e tempo de lecer.

Podes descargar a “Guía de boas prácticas en corresponsabilidade” premendo AQUÍ

Tamén e interesante o PLAN DE FOMENTO DA CORRESPONSABILIDADE, que podes descargar AQUI