MULLERES INMIGRANTES

A inmigración en Galicia é un fenómeno que comezou a medrar a partir dos anos oitenta do século XX. No ano 2002 inverteuse a tendencia dos anos anteriores, e por primeira vez entran máis  inmigrantes en Galicia que persoas retornadas da emigración.

Inicialmente a inmigración que chegaba a Galicia era fundamentalmente masculina. Nos últimos anos esa tendencia está mudando e, na actualidade, a maioría das persoas inmigrantes son mulleres, o que demostra que o fenómeno migratorio non é cuestión de sexo. A inmigración, como a pobreza, feminízase.

A poboación inmigrante feminina en Galicia é nova, trátase de mulleres en idade laboral que veñen soas para traballar e para manter á familia que deixaron nos seus países de orixe. Ademais, o seu nivel de estudos, en xeral, é superior ao dos homes emigrantes.

Sen embargo, a pesar de ter mellor formación, as mulleres inmigrantes traballan en peores condicións, moitas veces sen contrato e sen papeis de residencia para conseguilo. A diferenza entre as profesións das mulleres inmigrantes no seus países de orixe e as que desempeñan en Galicia supón unha descualificación profesional máis acusada que a que sofren os homes inmigrantes, xa que elas parten dun nivel profesional e de estudos máis elevado, a pesar de que en Galicia traballan en sectores menos cualificados.

Xosé Lois para a Campaña da Cruz Vermella “enrealidadnotienegracia.org”

Mulleres inmigrantes e violencia de xénero

Un dos problemas que afecta ás mulleres inmigrantes en maior medida que ás mulleres de orixe española é o da violencia de xénero. A riqueza dunha sociedade multicultural reside no feito de que todas as culturas, en plano de igualdade, ao relacionarse, poidan enriquecerse dos aspectos máis positivos de cada unha. Non obstante, non cabe ampararse en razóns de diferenza cultural para manter a submisión a desigualdade  e a violencia sobre as mulleres.

Polo tanto, a violencia de xénero non se pode amparar nin legal ni socialmente, sexa cal sexa a fonte de orixe.Tampouco se lle poden atribuír orixes culturais, e por elo supostamente respectables, ás moi diferentes manifestacións que a desigualdade entre os sexos presenta e que se evidencian ao trasladarse a un contorno onde eses costumes e tradicións non son xerais: a ablación xenital, ou o abandono temperá dos estudos por parte das nenas non poden considerarse más que costumes non admisibles nunha sociedade á que lle custou moitos séculos chegar a unha situación de relativo e fráxil equilibrio entre mulleres e homes.

Ademais das referencias culturais, hai que ter en conta as especiais circunstancias nas que se encontran, en moitas ocasións, as mulleres estranxeiras, xa sexa por carencia de redes de parentesco ou amizade en España, ou por depender das do seu agresor, o que orixina unha inseguridade e unha dificultade maior á das mulleres españolas á hora de romper coa violencia.

Dende o CIM de Culleredo traballamos para crear as condicións adecuadas para abordar o problema da violencia de xénero atendendo ás circunstancias específicas da poboación estranxeira, co obxectivo de mellorar a atención e a prevención. Para iso cremos que hai que corrixir dous aspectos fundamentais: por un lado, a falta de información, mellorar a sensibilización e a concienciación, e por outro mediante a atención, e o asesoramento que permitan reforzar a súa posición, xa que non podemos esquecer que “a condición de irregularidade” na que viven moitas ten impacto sobre as súas decisións.

Como sociedade temos que lograr romper cunha serie de estereotipos ou prexuízos, que fan que ás veces se manteña un discurso fácil polo cal se xustifica a violencia de xénero intrafamiliar mediante supostos rasgos de carácter cultural.

Cada vez hai máis mulleres que deciden romper a atadura da violencia. E son elas as que realmente, sen sabelo, están iniciando un cambio cultural, posto que descobren, en contacto coa nosa realidade social e xurídica, unha redefinición do papel das mulleres que lles permite alcanzar unha maior liberdade nas súas vidas.

En tanto se van convertendo en persoas que coñecen e exercen os seus dereitos, realizan unha revisión crítica dos seus patróns culturais que produce un cambio e amplía o restrinxido eido da liberdade no que aínda se moven. Todas as culturas son dinámicas, e polo tanto cambiantes na súa relación con outras, o cal permite a revisión de ideas preconcibidas e de prexuizos. Cando as mulleres inmigrantes reivindican os seus dereitos actúan como axentes do cambio, ese cambio preciso para mellorar a sociedade común.

Se precisas información, lembra a pestaniña de VIOLENCIA DE XENERO na que atoparas os recursos que poñemos á túa disposición